Thursday 02 de May de 2024

“Pegadas dun pasado” móstranos os cambios de San Sadurniño nos últimos 70 anos


 

O mércores desta semana foi o Día Internacional da Fotografía. Unha data que o Concello quixo celebrar abrindo no patio interior do pazo a exposición colaborativa “Pegadas dun pasado”. Nela reflíctense recunchos de distintos puntos do territorio comparando como eran hai décadas e como son agora, o que nos dá idea das transformacións que viviu San Sadurniño a través do tempo. Paisaxes, vivendas, escenas da vida cotiá altérnanse nas paredes do claustro en 17 composicións presentadas por outras tantas persoas participantes, todas elas rapazada menor de 18 anos. Só por achegar as súas fotos entrarán no sorteo de dúas cámaras réflex e tamén recibirán agasallos, nun acto previsto para as 19.00h. deste luns 24 de agosto.

A exposición xa pode visitarse nos horarios habituais de apertura do Concello, de luns a venres entre as 8.30 e as 14.00h. A entrada é libre e non se precisa cita previa, xa que as imaxes están nun espazo aberto, ocupando a metade das paredes do patio interior do consistorio.

Hai representación de todas as parroquias e en cada panel podemos facernos unha idea de canto levan cambiado as cousas nos últimos 70 anos. As fotos máis antigas son de comezos dos anos 50 e as máis recente foi tomada en 1985.

De par de cada unha delas colocáronse fotos actuais que reproducen o mesmo punto de vista, co que se fai máis doado ver a transformación do territorio a través do tempo. E hai unha chea de cousas e detalles para ver: o val de Lamas e a ladeira do pico de Ferreira dos anos 70 todo a labradío e hoxe cheo de arborado; o campo de fútbol da Veiga -en Naraío- a empezos desa mesma década e tamén rodeado de terras traballadas, que hoxe ten varias vivendas ao seu redor e máis silvas e árbores; a capela do Belén, que segue practicamente igual, pero sen os falsos plátanos nin o palco da música que tiña ao seu carón; as escolas da Seara, do Camiño Arriba e Santa Mariña, reconvertidas en locais sociais… e así ata chegar ás 17 comparativas pasado-presente onde tamén podemos ver persoas e usos hoxe desaparecidos.

O departamento de Cultura tiña previsto inaugurar a mostra o mércores desta semana, pero finalmente decidiu pospoñela por causa do mal tempo. A nova data é o próximo luns, día 24 de agosto, ás 19.00h. Será un pequeno acto ao que só se convidou ás nenas e nenos e mocidade participante. Ademais de abrir oficialmente a exposición, o Concello sorteará entre elas e eles dúas cámaras réflex e entregará varios agasallos.

Despois de “Pegadas dun pasado” chega “Arte ambulante”
“Pegadas dun pasado” permanecerá no patio do Concello até o día 5 de setembro e despois cederalle o sitio ao proxecto “Arte ambulante” da asociación profesional de artistas de Galicia A Colectiva, quen volve traernos este ano unha iniciativa que pretende achegar as distintas expresións da arte contemporánea galega aos entornos rurais, como é o caso de San Sadurniño.

A exposición multidisciplinar repartirase entre a casa consistorial e a Casa da Cultura. Poderá visitarse do 7 ao 30 de setembro -inaugúrase o sábado 12 ás 12.00h.- e está composta por pezas pictóricas, audiovisuais, fotográficas, escultóricas e outras que combinan distintas disciplinas artísticas.

Ademais, “Arte ambulante” tamén trae canda sí dous obradoiros. O primeiro é de iniciación á fotografía analóxica de grande formato dirixido por Jesús Caballero. Hai 10 prazas para persoas maiores de 15 anos, quen traballarán o retrato en exterior, a fotografía de paisaxe e de arquitectura. Non fai falla traer material e, de feito, as cámaras, o revelado, e as copias en papel e negativo van incluídas na inscrición, que é gratuíta.

A outra proposta titúlase Danza_SanSa e estará conducida pola realizadora de videoclips e documentais Belén Montero. Aquí mesturarase o corpo en movemento co audiovisual como introdución á videodanza, unha disciplina dacabalo entre ambas artes. Prepararanse coreografías, planificarase a escenografía e gravaranse varias pezas que logo se han publicar nas redes sociais. Neste caso ofértanse 12 prazas para maiores de 8 anos.

Os dous obradoiros de “Arte Ambulante 2020” que haberá en San Sadurniño aínda non teñen data pechada, pero valórase levalos a cabo na segunda quincena de setembro. En calquera caso as inscricións poden ir facéndose xa no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919.